Ñandú
(Rhea americana)
Características
Clase: Aves
Orde: Estruthioniformes
Familia: Rheidae
Peso: Entre 20 e 30 kg
EVM: 30 anos
Alimentación: Omnívoro. Aliméntase de sementes, grans, froitos, insectos, anfibios, réptiles, pequenos mamíferos e pitos de aves.
Hábitat: Chairas e estepas.
Distribución: Brasil, Arxentina, Perú, Paraguai, Uruguai, Bolivia e Chile.


Descrición
EN CONTINUO RISCO DE EXTINCIÓN
Ave ratite corredora, endémica de Sudamérica.
A súa poboación diminuíu notablemente debido principalmente á caza para obter carne e ovos, e á colosal exportación de peles e, en menor medida, plumas. En 1980 comercializáronse máis de 50.000 peles, a maioría aparentemente procedentes de Paraguai, sendo Xapón e Estados Unidos os principais consumidores.
Nos últimos anos, a conversión a gran escala dos pastizais do centro de América do Sur para a agricultura e a gandaría reduciu e fragmentou considerablemente o hábitat dispoñible, particularmente nas rexións das pampas e o cerrado; isto está provocando diminucións e un maior illamento da poboación restante (da Silva 1995, Bazzano et al. 2014, Kirwan et al. 2021).
Ñandú é un termo guaraní que significa “araña”. Segundo algunhas fontes, este animal compartía o nome co artrópodo debido a que, cando a ave abría as ás, daba a impresión dunha araña na súa rede.
En Marcelle
Na actualidade vive en Marcelle un macho de ñandú xunto cun macho de guanaco chamado Melocotón. A convivencia entre eles é completamente pacífica e enriquecedora, podendo observar en numerosas ocasións as carreiras que fan cando a un dos dous lle entra o espírito competitivo. A pesar de ser o máis pequeno, é moito máis dominante que o camélido, polo que adoita desprazalo das zonas de pastoreo máis ricas, o que fai que se manteñan nunha actividade de busca continua e que tramen estratexias de alimentación moi naturais.
O obxectivo para esta especie é incorporar algún individuo máis, xa que a instalación é de grandes dimensións e potencia o rango de comportamentos sociais.