Oso Pardo - Rosi e Teri
(Ursus arctos)
Características
Clase: Mammalia
Orde: Carnívora
Familia: Ursidae
Peso: Macho entre 90 e 250 Kg; femia entre 75 e 140 Kg
EVM: 20 anos
Alimentación: Omnívoro, principalmente materia vexetal.
Hábitat: Vive en bosques aínda que se adapta ben a zonas arbustivas e de matogueira.
Distribución: Cantabria e Asturias (250 osos en dúas poboacións) e os Pireneos (20 osos introducidos de Eslovenia).
Nivel de protección: Segundo o Catálogo Español de Especies Ameazadas, está considerada en perigo crítico.


Descrición
HISTORIA DO PECHE DUN ZOOLÓXICO
Tras a chegada da Lei de conservación de parques zoolóxicos (31/2003), varios centros tiveron que pechar as portas ao non poder garantir o benestar dos animais aloxados. No caso do zoolóxico de orixe destes osos, ademais estaban sometidos a un manexo psicolóxico inadecuado, unha alimentación non apropiada e unha instalación demasiado pequena. Todo isto supoñía unha gran cantidade de problemas comportamentais, nalgúns casos irreversibles, e noutros, un traballo de terapia de anos.
O traballo de rehabilitación psicolóxica abrangue aspectos como unha nutrición adecuada, o análise das condutas, a detección dos factores traumáticos, a desensibilización a aquilo que lles produza medo e garantir unha actividade natural.
Ao tratarse de animais hibernantes, é imprescindible ofrecerlles o descanso nos meses de menos actividade, de decembro a marzo.
Os nosos osos chegaron a Marcelle en febreiro de 2011.
En Marcelle
ROSI: Ela foi trasladada aínda sendo un osiño ao zoolóxico onde viviu durante 13 anos. Ao pouco de chegar a ese centro, foi roubada e mantida nunha furgoneta durante días ata que o SEPRONA a localizou e foi devolta a ese lugar. Durante eses anos, tíñana como reprodutora, retirando ás súas crías cada ano, o que é moi traumático para calquera femia, especialmente para unha especie que debe manterse coa súa prole durante un ano e medio. Cando chegou ao parque, manifestaba gran cantidade de medos que se traducían en ansiedade e agresividade. Grazas ao traballo de rehabilitación, está a conseguir esquecer parte do seu pasado, e o seu comportamento é cada ano máis natural.
TERI: El é fillo de Rosi, pero como era frecuente, foi separado ao nacer e mantido nunha habitación, alimentado con biberón. Cando se realiza esta práctica desde o nacemento, o animal adquire unha indefensión aprendida e non se recoñece como especie (el non sabía que é un oso). O traballo con el baséase no aprendizaxe de como ser un oso, buscar o seu propio alimento, eliminar o medo a nadar e reaccionar aos retos dun ambiente natural.
IMPORTANTE: NON GOLPEAR OS CRISTAIS NIN GRITAR NOS SEUS ARREDORES.