Visón Europeo - Nemo e Okariz
(Mustela lutrola)
Características
Clase: Mammalia
Orde: Carnívora
Familia: Mustelidae
Peso: Entre 500 e 1000 g
EVM: 5 anos
Alimentación: Aliméntase principalmente de peixes, anfibios, crustáceos, pequenos mamíferos, aves e ovos.
Hábitat: Prefire ríos de corrente moderada e augas limpas, mostrando preferencia por áreas ribeireñas con abundante cobertura vexetal.
Distribución: O visón europeo ten unha distribución principalmente en Europa central e oriental, con poboacións fragmentadas en España, Francia, Romanía, Rusia e nos países bálticos.


Descrición
POLOS PELOS
O visón europeo é o mamífero máis ameazado de toda Europa. No último censo (2024) o MITECO publicou que tan só hai 147-150 exemplares no río Ebro.
As causas da súa extinción débense principalmente ás soltas e fuxidas de visón americano procedente das granxas peleteiras. En moitos países estas empresas xa foron prohibidas, pero en España non só están autorizadas senón que debido ao peche noutros lugares de Europa, trasladáronse ao terreo ibérico, especialmente á zona norte onde o clima favorece ao visón americano.
Este foráneo non só é máis forte e compite polo alimento senón que é portador dunha enfermidade que lle transmite ao noso visón, o Virus Aleutiano do visón, que resulta mortal para eles.
Para combater esta situación, existe un programa de cría en catividade centrado na reprodución e solta de decenas de visóns europeos de forma anual e á vez na captura e eliminación do americano dos nosos ríos.
En Marcelle
Nemo é un macho procedente do centro de cría de Álava. Chegou ao parque no ano 2020. Trátase dun individuo que desenvolveu un problema de hiperagresividade cara ás femias e, por tanto, non é un animal válido para soltalo en vida salvaxe.
Okariz é un macho que, desafortunadamente, tivo que ser criado a biberón ao falecer a súa nai, e iso implicou unha deriva condutual que non lle permite relacionarse de forma saudable coas femias.
IMPORTANTE: NON IMITAR A CHAMADA DO PERSOAL VETERINARIO.
Esta chamada forma parte dun adestramento especializado. Aproveitar os momentos de alimentación para poder velos.