Tartaruga de Terra Africana
(Geochelone sulcata)
Características
Clase: Sauropsida
Orde: Testudines
Familia: Testudinidae
Peso: Ata 100 kg
EVM: 100 anos
Alimentación: Herbívora.
Hábitat: Climas áridos.
Distribución: É unha especie de tartaruga que habitaba boa parte do territorio do norte africano, no bordo sur do deserto do Sáhara, no Sahel. Actualmente case só sobrevive dentro de parques nacionais e reservas de fauna.


Descrición
SULCATA: A TARTARUGA QUE CHORA
Chámaselle a tartaruga que chora como un símil polo seu estado de conservación e tamén por un rasgo característico da especie: o seu lagrimeo case constante, xa que as sulcatas viven en zonas desérticas con grandes tormentas de area e as bágoas axúdanlles a non erosionar as súas córneas.
O maior perigo para esta especie é o comercio ilegal. A entidade responsable de prohibir esta actividade é CITES, pero na actualidade só está prohibida a súa extracción do medio natural nalgúns dos países da súa distribución, e segue estando permitida a cría en catividade para o mascotismo, polo que aínda é posible atopala nas tendas sen ter moi claro se a súa orixe é a extracción do medio ou a cría en catividade.
A plataforma SOS Sulcata é unha organización francesa dedicada dende hai moitos anos á repatriación de exemplares procedentes do mascotismo europeo, pero o programa tivo que ser interrompido debido ao traslado de animais con patóxenos inofensivos para a poboación en catividade, pero que ao transmitirse á poboación natural supoñían enfermidades potencialmente graves.
En Marcelle
Marcelle Natureza acolleu dous exemplares procedentes do mascotismo no ano 2006, e no 2012 asinou un acordo con SOS Sulcata para a reprodución e posterior translocación a Senegal. Actualmente conviven 4 exemplares de Sulcata e 1 pardalis, ou tartaruga leopardo. En abril de 2024 incorporouse un novo individuo a este grupo, procedente dunha incautación levada a cabo polo centro de rescate FIEB. Esta especie está incluída no apéndice II de CITES, o que implica que o seu comercio está regulado e, no caso de ter unha destas tartarugas na casa, debe dispoñer da documentación adecuada que garanta que non foi capturada no seu medio natural.
CITES cualificou a Marcelle como centro de acollida permanente destes animais.