Xabaril - Pepa e Pepón
(Sus scrofa)
Características
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Suidae
Peso: Entre 50 e 200 Kg
EVM: 15 anos
Alimentación: Omnívoro capaz de inxerir raíces, bulbos, froitas de calquera tipo, grans de trigo, millo, cebada e avea, hortalizas e outros animais, vivos ou mortos, incluíndo insectos, cobras, peixes e crustáceos.
Hábitat: Adáptase a todo tipo de hábitats sempre que dispoña dunha mínima cobertura e alimento (adoitan acudir moito aos carballos pola landra), aínda que prefire os lugares cunha vexetación alta onde poida camuflarse.
Distribución: Na Península Ibérica localízanse dúas subespecies que se diferencian polo pelame:
· Albar (Sus scrofa castilianus): ten unha distribución máis setentrional, un maior tamaño corporal e un pelame máis claro e tupido.
· Arocho (Sus scrofa baeticus): é máis pequeno que o anterior, con menos pelo e máis negro, e a súa distribución é propia do sur peninsular.


Descrición
DOUS IRMÁNS SEMISELVAXES
O pai destes dous irmáns foi trasladado polos servizos de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Tratábase dun animal denominado molesto, é dicir, un individuo salvaxe que entra en contacto con núcleos urbanos e que pode supoñer un risco físico ou sanitario para os humanos.
No caso da nai, tamén foi reubicada en Marcelle tras detectarse unha actividade reprodutiva ilícita moi común nalgúns currais de porcino. Esta práctica baséase en conseguir un leitón de vida salvaxe, cruzalo con porco e as femias resultantes da cría, introducilas na cadea produtiva de forma que a carne adquira un sabor máis forte.
Debido á urxencia do traslado da femia, non foi posible esterilizar o macho, e isto tivo como resultado a Pepa e mais a Pepón.
En Marcelle
En agosto de 2010 nacen en Marcelle Pepa e Pepón. El sempre quedaba atrás da súa irmá á hora de comer e aínda, sendo adultos, manifesta un comportamento máis temeroso. Non presentan medo ao ser humano xa que a impronta materna non incluía esta conduta.
A charca que teñen, en xeral, está chea de lama. A función do lameiro é a eliminación de parasitos externos mediante a creación dunha capa de barro que asfixia calquera parasito que poida estar no seu pelo.