Elande - "Alce africano" - Momo e Dora

(Taurotragus oryx)

Características

Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Peso: Entre 400 e 940 kg
EVM: 25 anos
Alimentación: Herbívoro
Hábitat: Zonas desérticas e semi-desérticas
Distribución: Centro, Leste e Sur de África

Eland
Eland

Descrición

O VALOR DOS CORNOS

O Elande do Cabo, tamén chamado Gran Antílope Africano, é unha especie moi apreciada no mundo da caza. A día de hoxe segue sendo unha das fontes económicas das reservas onde os manteñen. Neste caso, é unha das especies mellor conservadas para este fin, xa que é necesaria unha boa calidade xenética para que os seus cornos sexan simétricos. No caso das reservas que non coidan axeitadamente das súas poboacións e permiten a consanguinidade, poden observarse animais con cornos desviados.

Isto implica que, a pesar de tratarse dunha actividade cinexética, a singularidade destes animais garante que deban ser conservados de maneira axeitada, o que significou que sexa unha das especies que, a día de hoxe, non se atopa en perigo de extinción.

En Marcelle

En Marcelle convive unha parella de Elandes do Cabo. Os seus nomes fan referencia ao seu comportamento individual. No caso da femia, Dora (acrónimo de Aspiradora e o debuxo animado) débese á ansiedade que mostra ante a comida. Faino dende pequena, xa que chegou ao parque sendo unha cría e nunca tivo a oportunidade de dominar a ningún individuo da súa parcela. Por iso, para ela o momento da comida é un gran motivo de nerviosismo, porque se converte na protagonista dos coidadores que garanten que reciba a súa ración sen que ninguén lla quite.

O macho chámase Momo debido a un carácter introvertido que amosaba dende que chegou ao parque. Agora que xa é adulto adaptouse a vivir en sociedade, aínda que sempre prefire estar acompañado só de Dora, á que segue a onde vaia, e estableceu unha curiosa amizade cunha das sitatungas, coa que adoitan pastar xuntos.