Capuchino - Grupo de Zitro

(Cebus apella)

Características

Clase: Mammalia
Orde: Primates
Familia: Cebidae
Peso: Entre 3 e 4,5 kg
EVM: 40 anos
Alimentación: Omnívoro, aliméntase preferentemente de froitas e invertebrados, aínda que algunhas veces atrapa pequenos vertebrados, como lagartas e poliños de aves.
Hábitat: Bosques tropicais, subtropicais e bosques de crecemento secundario.
Distribución: Norte, centro e leste de América do Sur.

Capuchino
Capuchino

Descrición

O SEGUNDO PRIMATE MÁIS INTELIXENTE DO MUNDO NON PODE SER UNHA MASCOTA

Esta especie é un dos primates máis comúns como mascota, a pesar de ser ilegal. Isto supón o maior risco para a súa conservación, xa que implica uns índices de caza moi elevados. Ademais, cando o animal mantido como mascota comeza a ser un problema (normalmente debido á agresividade polas condicións nas que se atopa), é común que sexa liberado de novo no seu medio, o que conleva a transmisión de enfermidades humanas ás poboacións naturais de monos capuchinos.

Os capuchinos usan sinais visuais, vocais, táctiles e olfativas para comunicarse. Teñen un rico repertorio de expresións faciais e a capacidade visual para interpretar con precisión o significado destas sinais. Deseñan as súas propias ferramentas para extraer comida do seu ambiente, como o afiado de paus para sacar insectos de ocos nos troncos. Elaboran estratexias grupais para a caza e así obter presas de maior tamaño. Son capaces de recoñecer a cada individuo só coa súa voz e só responderán ás chamadas daqueles que sexan do seu grupo. A través dos xestos faciais, poden informar sobre a súa contorna.

En Marcelle

En Marcelle vive un grupo familiar formado por unha parella e a súa descendencia (4 fillas). A nai, chamada Ninja polas súas habilidades para a loita, procedía dun parque zoolóxico onde os machos do seu grupo a atacaran. Chegou con un brazo escaiolado, case sen pelo e con varias amputacións de dedos; con todo, non deixaba de correr e de vocalizar a cada persoa que vía mentres se recuperaba. Tiñamos medo de que o macho non a aceptase, xa que el era moi silencioso e tranquilo, pero… foi un flechazo!

Eles deben vivir en grupos familiares e por iso en Marcelle permitiuse a reprodución.

ATENCIÓN: debido á súa elevada intelixencia, é importante coñecer as súas expresións faciais máis comúns para evitar malentendidos que lles poidan xerar estrés.

– Se levantan as cellas, están manifestando territorialidade – afastarse.
– Se amosan os dentes, implica agresividade ante o que consideren unha ameaza – se é en resposta a unha acción humana, deterse.
– Se xiran a cabeza e, ao miralos, comezan a saltar, é sinal de xogo e diversión.

Visita outros animais!