Muflón de Córsega - Grupo de Harry
(Ovis musimon)
Características
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Peso: Entre 36 e 60 kg
EVM: 13 anos
Alimentación: Puramente vexetariano. Consome unha ampla gama de materiais vexetais.
Hábitat: Adáptase ben a diferentes terreos e condicións, aínda que a súa mellor aclimatación prodúcese en zonas de bosque mediterráneo, con terreos algo quebrados, de altitude media e abundante cobertura vexetal.
Distribución: Illas de Córsega, Sardeña e Chipre. Actualmente tamén se pode atopar en diferentes partes de España onde foi introducido.


Descrición
O ANTEPASADO DAS OVELLAS MODERNAS
Trátase dunha especie pertencente aos óvidos salvaxes. É orixinaria da rexión do Caspio (Turquía, Irán, Chipre e o Cáucaso).
Dende o século XIX foi introducida en numerosos países europeos e do continente americano (EE.UU. e Arxentina). En España, a introdución do muflón tivo lugar en 1953, mediante a liberación de dous machos e tres femias procedentes de Chambord (Francia) de orixe corso, e dunha parella procedente de Luxemburgo, na Serra de Cazorla. A repoboación completouse con dúas parellas traídas de Alemaña en 1956 (Niethammer 1963, Weller 2001). Dende entón, destaca unha notable proliferación da especie na península e nas Canarias, onde actualmente é considerada unha especie invasora e é necesaria a súa regulación.
A principios dos anos 50 houbo un declive da cabana gandeira debido a unha caza descontrolada e a brotes de enfermidades que reduciron as súas poboacións. Naquel momento, o ditador Francisco Franco introduciu diferentes especies que actualmente supoñen un problema debido á proliferación excesiva, como é o caso do Arruí, agora considerado unha especie invasora.
En Marcelle
En Marcelle aloxamos un rabaño completo desta especie. O grupo está formado por 9 machos adultos, 5 femias reprodutoras e varias crías. Neste caso permítese a reprodución xa que a instalación, onde convive con outras especies, regúlase nun sistema de semiliberdade, é dicir, permite acoller un gran número de animais e a súa alimentación por parte humana é só un suplemento. Todos deben ser capaces de regular a súa sociedade de forma natural como farían no seu hábitat, atopar a súa propia fonte de comida e crear os territorios para cada unha das especies que cohabitan.
Pola mañá é frecuente ver ao noso persoal do Departamento Animal chamalos polos seus nomes, ao que acoden rapidamente para participar no adestramento médico. Este consiste nun condicionamento operante que facilita a revisión, toma de mostras e administración de medicamentos, se fose necesario, sen precisar anestesia nin captura do individuo. Aínda que se vexa que os animais se achegan aos coidadores e veterinarios, non implica que estean domesticados; tan só coñecen un sistema de manexo seguro no que son conscientes do que vai ocorrer e deciden participar de forma voluntaria.