Suricata - Skar e Lito
(Suricata suricatta)
Características
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Herpestidae
Peso: Entre 600 e 800 g
EVM: 8 anos
Hábitos: Diúrnos e escavan de forma natural.
Alimentación: Carnívoros. Cazan sobre todo insectos, arañas e pequenos mamíferos.
Hábitat: Sabana seca ou areosa e zonas rochosas.
Distribución: Suroeste de África.


Descrición
HISTORIA DO PECHE DUN ZOOLÓXICO
En 2003 créase a lei de zoolóxicos que ata ese momento non existía e, por tanto, non había protección para a fauna salvaxe en catividade. A partir dese momento, os zoolóxicos fóronse adaptando para poder garantir o benestar dos seus animais, así como prácticas de manexo e coidado axeitadas.
As Suricatas proceden do peche dun parque zoolóxico que non dispoñía das instalacións axeitadas, xa que vivían nun recinto cuberto e sen posibilidade de escavar galerías.
A suricata é unha especie matriarcal e cun comportamento social moi marcado. Todos deben garantir a seguridade do grupo mediante a figura do centinela, un posto que alternan entre todos os individuos e que aprenden dende o nacemento. Se naceron nun entorno sen exposición aérea, é máis difícil que poidan desenvolver esta conduta na idade adulta, o que supón unha diminución do seu benestar.
En Marcelle
O grupo de Skar está formado pola matriarca Skar e un macho: Lito. En xuño de 2017, chegaron a Marcelle cun comportamento moi alterado e con altos niveis de estrés tanto entre eles coma polos novos estímulos que se lles presentaban. Tiveron que aprender a escavar galerías, e isto require unha habilidade especial. Actualmente teñen galerías de máis de 1 metro de profundidade e unha rede de comunicación subterránea tan complexa como o metro dunha gran cidade.
O comportamento de centinela é compartido por todos os exemplares, que tiveron que aprender a comunicarse para cambiar de función cando é necesario. Só debe haber un individuo vixiando, e este debe ser substituído cando o considere necesario para descansar, comer ou colaborar na construción de novos túneles. Se aparece unha ameaza aérea, deben ladrar, e o grupo, se entendeu a mensaxe do vixiante, procederá a ocultarse.
Cando un parque zoolóxico reubica animais procedentes de instalacións deficientes, adoita atopar grupos ou individuos que manifestan un comportamento alterado. Isto non sempre se pode solucionar, xa que ás veces o dano é demasiado grave. As ferramentas que temos para iso van dende o deseño de instalacións, o manexo axeitado e o adestramento, xunto coa garantía dun estado de saúde correcto.