Mara Patagónica
(Dolichotis patagonum)
Características
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Familia: Caviidae
Peso: Entre 9 e 16 kg
EVM: 8 anos
Velocidade de carreira: 60 km/h
Alimentación: Herbívoro xeralista e oportunista. Preferencia polo consumo de follas de gramíneas (folívoro nun 82%) e pastos. O seu tipo de metabolismo e a eficiencia dixestiva fan deste animal un gran estratega no aproveitamento do alimento. Grazas á cecotrofía, recicla o alimento ata en 4 ocasións, así como tamén é quen de vivir case sen consumir auga, cubrindo as súas necesidades ao extraela de follas e raíces.
Hábitat: Chairas áridas e semiáridas.
Distribución: É endémica de Arxentina, en boa parte do centro e sur do país.


Descrición
OS HERBÍVOROS EUROPEOS POÑEN EN RISCO A SÚA POBOACIÓN ARXENTINA
Especie endémica de Arxentina. Ten hábitos principalmente diúrnos, con picos de actividade pola mañá e á tardiña, aínda que no inverno pode vérselle activa só ao mediodía e no verán pola noite. É moi gregaria, chegando a formar colonias de ata 70 individuos.
En varias zonas da súa distribución, as poboacións están minguadas e incluso desapareceron. Aínda que localmente é cazada pola súa carne e coiro, os factores que máis afectan á súa supervivencia son a alteración do hábitat e a competencia polo alimento con herbívoros introducidos, como a lebre europea e a ovella.
As súas fortes patas traseiras caracterizan a este roedor, que é un corredor formidable, podendo dar saltos de ata dous metros de lonxitude e acadar os 60 km/h.
En Marcelle
En Marcelle vive un grupo numeroso de maras patagónicas, que actualmente están en reprodución activa, polo que é posible ver crías de vez en cando. A súa época de celo ten lugar entre os últimos meses do inverno e a primavera. Xestan durante 77 días e normalmente teñen entre 1 e 2 crías. Son monógamas, algo raro nos roedores. Isto implica que ao vivir en grupo é moi posible que se observen algunhas pelexas entre individuos novos ata que formen a parella coa que quedarán. A crianza é materna co apoio de todo o grupo.
A orixe das nosas maras é a cesión doutro parque zoolóxico. O obxectivo para esta especie é a esterilización, xa que actualmente non existe un programa de conservación creado para ela.