Dromedario - Chicho, Mami e Mimo

(Camelus dromedarius)

Características

Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Camelidae
Peso: Entre 300 e 700 Kg
EVM: 20 anos
Alimentación: Herbívoro.
Hábitat: Desertos e zonas áridas.
Distribución: Orixinario de Arabia, introducido en Asia occidental e África setentrional.

Dromedario
Dromedarios

Descrición

PARA PASEOS EN ALGO ALTO, SOBE A UNHA BICICLETA

A especie Dromedario ou Camelo arábigo está catalogada como extinta en vida salvaxe pola lista vermella da IUCN. Isto implica que a totalidade dos dromedarios que existen foron capturados para uso doméstico, orixinalmente para o traslado de materiais polo deserto de Arabia. Actualmente, esta actividade é limitada e transformouse nun uso comercial dos animais, potenciando o turismo mediante os paseos en dromedario.

Os dromedarios de Marcelle proceden dunha empresa deste sector localizada nas Canarias.

En Marcelle

En Marcelle viven as dúas femias (Mimo e Mami) separadas do macho Chicho debido a unha incompatibilidade social deste con Mimo. Poden pasar os días xuntos a través do valo, pero no momento en que se xuntan, el non pode soportar a súa presenza e agrédea. O manexo ao que foron sometidos no pasado tivo consecuencias nos seus caracteres e patoloxías individuais. No caso de Mimo, foi bautizada con este nome porque, ao chegar, manifestaba un absoluto rexeitamento ao achegamento aos humanos e mostraba signos claros de estrés ante o manexo de calquera tipo de corda e/ou pau. Co paso do tempo descubriu que as mans humanas, a través do valo, tamén poden facer cóxegas e mimos, e converteuse en dependente deses pequenos vicios. Mami tivo unha filla no centro que posteriormente foi trasladada a outro parque para evitar a consanguinidade, de aí o seu nome. No caso de Chicho, o nome débese ao seu comportamento xoguetón coas femias.

Visita outros animais!