Cobo
(Kobus ellipsiprymnus)

Descrición
A ORIXE DO PERFUME
Esta especie recibe varios nomes: antílope acuático, cobo de auga ou cobo almiscreiro. Este último nome débese á secreción dunha substancia oleosa chamada almiscre. Trátase dun aceite que impregna o seu pelo, especialmente na época de celo, como sinal de boa xenética; canto máis cheiroso é o macho, máis atractivo resulta. Porén, non só os machos producen esta substancia. As femias, cando teñen crías, segregan unha gran cantidade como estratexia para despistar aos depredadores. As crías, que aínda non producen almiscre, son agochadas entre os matos, e as nais aléxanse, acudindo só entre 1 e 4 veces ao día para amamantalas. Deste xeito, os depredadores seguen o rastro das femias mentres que as crías pasan desapercibidas.
O ser humano descubriu que esta substancia era moi útil para fixar os olores nos perfumes e como activador das feromonas humanas naturais. Isto provocou o exterminio de moitos exemplares dende o século XVIII. A día de hoxe, o almiscre natural foi substituído por combinacións químicas.
En Marcelle
En Marcelle viven dous exemplares macho desta especie. Non temos ningún obxectivo reprodutor xa que non se trata dunha especie en perigo de extinción.
Van Damme é o macho que vive separado dos animais de maior tamaño de África porque é portador dun xene agresivo que o fai violento cos animais máis grandes ca el. Porén, convive perfectamente cos máis pequenos, como os sitatungas.
Sugar, pola contra, recibe este nome polo seu carácter amable e a súa convivencia pacífica con todos os animais sen desenvolver comportamentos altamente dominantes.